Esquerda Unida solicita cursos de formación para Nigrán

Esquerda Unida, integrada na Alternativa Galega de Esquerda, lamenta o continuo aumento de persoas desempregadas no Concello de Nigrán, que chegou a 1793 persoas a finais de 2012, un 6,28% máis que fai un ano. Para Esquerda Unida as actuais políticas de recortes que están a levar  a Xunta e o Goberno central non fan máis que máis que agravar este problema.

Esquerda Unida de Nigrán considera que, entre outros, é o modelo produtivo o causante da actual crise,  que se manifesta de maneira tan alarmante nesta alta tasa de desemprego que estamos a sufrir. Neste escenario, a formación dos desempregados é algo imprescindible para ter unha saída ao problema. Dita formación deberá estar encamiñada á capacitación en novos sectores que se afasten da economía baseada na especulación urbanística, sendo este o primeiro paso para a consecución dun novo modelo produtivo.

En Nigrán prometéranse moitos postos de traballo para os veciños e veciñas, no Polígono do Porto do Molle, pero a realidade é que son moi poucos os veciños de Nigrán que son empregados no mesmo. Ademáis, a maioría en postos de traballo de escasa cualificación, quedando os postos “cualificados” en mans de traballadores doutros concellos. Tamén lembramos que no ano 2011 só se celebrou un curso para desempregados por un centro privado e no 2012 non se celebrou ningún curso dentro do Plan AFD, para desempregados.

Por todo elo solicitamos ao Concello de Nigrán que adopte as medidas oportunas para que dende o Concello de Nigrán se celebren cursos de formación para desempregados dentro do plan AFD da Xunta de Galicia, actualmente con convocatoria no DOGA aberta ata o 31 de maio, e que non deixe pasar esta oportunidade de formación para os cidadáns de Nigrán. O noso Concello no debe deixar a formación dos desempregados en mans unicamente da iniciativa privada.

Para Esquerda Unida estes cursos deberían estar dirixidos para acadar un nivel de cualificación en diversas especialidades relacionadas co tecido produtivo da comarca, así como do perfil dos veciños e veciñas demandantes de emprego, e non só de informática que son os que se celebran no Centro Antena ou de fontaneiro, para á que está acreditada a escola obradoiro. ¿É que non temos outras necesidades de formación? Polo tanto tamén solicitamos a acreditación do concello de Nigrán como centro de formación para o emprego en outras especialidades, ampliando deste xeito a oferta formativa aos veciños e veciñas demandantes de emprego en Nigrán.

A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: