Compromiso ético pola rexeneración democrática

OS CANDIDATOS E CANDIDATAS DE ESQUERDA UNIDA NO CONCELLO DE NIGRÁN ASUMEN OS SEGUINTES COMPROMISOS:

1- Esixir ao Goberno a regulación por lei da contía dos salarios dos cargos públicos locais. Propoñeremos que os mesmos se fixen con criterios de transparencia e austeridade e que se fagan públicos dun xeito eficaz e accesible.

2.-  Propoñer a creación da declaración explícita de conflito de intereses en cada modificación urbanística e proceso de contratación de obras ou servizos públicos, de todo aquel que participe no mesmo, sexan alcaldes, concelleiros, ou funcionarios. Realizaríase seguindo o modelo de declaración de conflito de intereses que se aplica á investigación científica.

3- Impulsar acordo de prohibición para percibir obsequios ou invitacións persoais  aos cargos públicos ou funcionarios municipais.  Creárase un Rexistro Público de Obsequios e Invitacións Institucionais.

4.-Establecer un sistema de dedicación absoluta e de incompatibilidades de todos os altos cargos de Gobernos Municipais, así como dos Responsables de contratación de Obras e Servizos en relación con responsabilidades ou actividades empresariais ou profesionais vinculadas ao sector dos servizos, a construción e o urbanismo.

5.- Crear o Estatuto do Representante Local,  no que se regulen os seus dereitos e deberes. En particular, garantírase que os concelleiros que se atopen na oposición podan exercer as súas funcións de fiscalización e control dos contratos e adxudicacións municipais formando parte dos órganos de contratación e facilitándolles toda a documentación e información administrativa.

6.-  Regular o Rexistro de Intereses dos responsables públicos a través dunha Oficina que será a encargada da vixilancia e supervisión do estrito cumprimento da lexislación vixente en materia de incompatibilidades e conflitos de intereses, así como da custodia dos Rexistros de Actividades e de Bens e Dereitos Patrimoniais.  Propoñerase a obrigación de facer público o contido desta Declaración a través dos medios municipais existentes (páxinas web, información municipal…

7.-Denunciar ante a Fiscalía e  colaborar coa Xustiza aportando calquera dato de corrupción que coñezan no exercicio das súas responsabilidades como cargos públicos.

8.-Asumir as responsabilidades políticas a que houbera lugar en casos de corrupción, con dimisión preventiva dos cargos públicos e cargos de libre designación en caso de imputación e procesamento por delitos de corrupción política ou urbanística.

9.-Impulsar mecanismos de publicidade, control e participación democrática para garantir a transparencia e a ética nas institucións, poñendo en marcha mecanismos estables de participación que permitan a intervención e o coñecemento dos cidadáns e cidadás nas decisións que se adopten en materia urbanística e de contratación. Faranse públicos os procesos de contratación a través dos mecanismos: publicacións, páxinas Web…  Nesta mesma liña só se delegarán competencias de Pleno nas Xuntas de goberno con carácter excepcional,  para garantir a participación da oposición na toma de decisións e a participación da cidadanía.

10. Prohibición expresa da utilización de fondos públicos para financiar  campañas propagandísticas nos medios de comunicación da labor realizada polo goberno municipal, Diferenciando expresamente o que é información á cidadanía e as prácticas de enxalzamento da actuación do goberno.

11.- Non conformar gobernos locais con desertores de outras forzas políticas nin apoiar a formación de grupos novos nos que participen cargos declarados tránsfugas.

INDEPENDENTE DO QUE FAGAN OUTRAS FORZAS POLITICAS, NOS VAMOS A CUMPRIR ESTES COMPROMISOS, PORQUE NON TODOS OS POLITICOS SOMOS IGUAIS

POLA HONRADEZ NO GOBERNO MUNICIPAL

ESQUERDA UNIDA presentou a súa candidatura en Nigrán

Esq. a der.: José Cueva (nº3 EU por Nigrán), Jacobo Gallego (Candidato de EU-Nigrán), Betty Mireya León (nº2 EU por Nigrán), José Outes (nº4 EU por Nigrán)

 

Coa asistencia de varias decenas de cidadáns, ESQUERDA UNIDA presentou os catro primeiros postos da súa candidatura en Nigrán, Jacobo Gallego, Betty León, José Cuevas e José Luis Outes, así como o avance do seu programa electoral nun acto celebrado o derradeiro sábado, no local da asociación de veciños de A Ramallosa.

No seu programa electoral propoñen a participación dos cidadáns na toma de decisións do concello, a transparencia e a loita contra a corrupción. Consideran que o novo PXOM debe atender as necesidades da cidadanía e non dos especuladores. As súas propostas abranguen a creación de espazos de convivencia da cidadanía, a conservación do medio ambiente, a mellora do transporte público e das instalacións culturais e deportivas, así como a apertura dos centros escolares para actividades fora do horario escolar. Queren un Nigrán democrático, transparente e habitable.

O avance do programa electoral, ao que se poden facer apartacións no correo electrónico eu-nigran@esquerdaunida.org se dará a coñecer proximamente de forma integra neste BLOG

ESQUERDA UNIDA presenta o seu candidato á alcaldía de Nigrán

Jacobo Gallego

ESQUERDA UNIDA presenta o seu candidato a alcaldía de Nigrán, D. Jacobo Gallego Guisande, o sábado día 9 de Abril, no local da asociación de veciños de A Ramallosa as 19:00.

ESQUERDA UNIDA considera que para o concello de Nigrán é necesario un goberno eficaz, que defenda á cidadania, e que non só sexa honesto, senón que o pareza.

Non queremos ser gobernados por Partidos Políticos que non expulsen da vida pública as persoas imputadas por delitos urbanísticos, contra administración pública, etc.

Fai 5 anos o povo de Nigrán impediu a aprobación dun PXOM que atendía as necesidades dos especuladores e non dos cidadáns de Nigrán. O goberno de Nigrán no foi capaz de aprobar nestes 4 anos un PXOM, deixándoo para os que cheguen tras estas eleccións a aprobación do PXOM.

Isto non é novo. O goberno do PSOE-BNG na Xunta no foi capaz de licitar en catro anos un Hospital Público que cubrise as demandas da poboación do noso concello, deixándoo para o Goberno do PP, que licita un hospital, privatizado parcialmente, e que non cubre as necesidades de toda a poboación do area sanitaria.

No concello de Nigrán, ao igual que na Xunta durante catro anos, os cidadáns e as cidadás que queremos unha transformación real da sociedade tivemos unha oportunidade desaproveitada por un goberno que non respondeu ás expectativas depositadas neles.

ESQUERDA UNIDA, ala onde goberna, marca as diferenzas cunha xestión participativa da cidadanía, na que prima o interese e a defensa dos intereses públicos fronte aos privados. Xunto a está xestión a transparencia e a erradicación da corrupción e o caciquismo son os nosos referentes.

Somos conscientes de que estamos ante un novo tempo e escenario político e que son tempos de reformas profundas, que é necesaria unha nova rexeneración política e institucional en Galicia, dende os Concellos, con mais democracia, mais participación, mais pluralismo político, con austeridade, e desterrando totalmente das institucións a corrupción e o caciquismo.

Non se trata de cambiar un corrupto ou un cacique por outro, trátase de erradicalos da vida pública.

Estamos inmersos nunha crise económica, financeira, agroalimentaria, enerxética, medioambiental e de valores, auspiciada polo afán de lucro duns poucos, e xestionada por uns gobernos do PSOE e do PP ao servizo do capital, do FMI, dos mercados e que desenvolveu axustes en total consonancia coa dereita europea; e cuxo resultado está sendo cada vez mais paro, mais precariedade, mais recortes sociais, menos inversión pública e unha reforma laboral e das pensións, que poñen serio perigo a sanidade, a educación e os servizos públicos. Ditas medidas supoñen a maior agresión realizada en democracia ás conquistas históricas, no terreo social e laboral, dos traballadores e traballadoras.

É necesario unha transformación real, oportunidade perdida durante anos en Galicia, e por elo, é clave nesta nova etapa, traballar por unha Galicia sostible, solidaria, igualitaria e ética; e para elo é necesario un Programa crible, de esquerdas e realizable que nos permita dar solución e resposta dende o local aos problemas da cidadanía, apostando pola defensa do sector público e situando como eixe vertebrador do noso programa e da nosa política a Democracia Participativa.

Para levar a cabo a nosa labor elaboramos un Programa para as Eleccións Municipais 2011 inmersos nun sólido proceso de refundación da esquerda, na que apostamos por aglutinar en torno a un programa, e a unha mesma acción política, aquelas persoas que se mobilizaron fronte aos recortes sociais, a especulación e as agresións ao medio ambiente, ás que reclamaron unha esquerda real, que non se rinda ante o capital, os mercados e as políticas de dereitas e faga unha transformación real da sociedade.

O noso programa basease en tres premisas, que son as seguintes:

Por un novo modelo produtivo: sostible e solidario arraigado na intervención democrática da economía, que erradique a especulación, o fraude e clientelismo.

Pola democracia participativa, políticas de participación cidadán: Orzamentos Participativos e regulamentos de participación cidadán.

Por unha alternativa social e política á crise do sistema, dende os Concellos.

As propostas do programa as dividimos en tres grandes areas:

Territorio, medio ambiente e mobilidade

Administración, facenda, economía e emprego

Servizos sociais e servizos públicos

Como programa participativo que é, podes enviar suxestións ao correo electrónico:

eu-nigran@esquerdaunida.org

A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: