Esquerda Unida considera pouco serio o convenio firmado polo alcalde para impartir cursos de formación a 200 desempregados de Nigrán, ademais de que vai a servir para pouco.
Despois do “que se jodan” dito por unha deputada do Partido Popular durante un debate sobre o desemprego, das políticas do Partido Popular que levaron a que no Estado Español e en Nigrán aumentase o desemprego até niveis insostibles, agora o Alcalde de Nigrán asina un convenio para formar a desempregados cun contido totalmente alleo á realidade da maioría das case 2000 persoas desempregadas en Nigrán ou dos máis de 5000 desempregados do Val Miñor.
Segundo o Concello de Nigrán entre as accións ofertadas figuran Intervención na Atención Hixiénico-Alimentaria e Socio-sanitaria en institucións; Desenvolvemento Tecnolóxico de Aplicacións JAVA; Innovación no Proceso de Venta: E-commerce e Community Management e Técnico de Internacionalización, entre outras. Ditos cursos están financiados polo Servizo Público de Emprego Estatal e pola Fundación Tripartita para a Formación no Emprego, teñen un ámbito estatal e non só en Nigrán. De feito algúns destes cursos foron adxudicados a entidades de Zaragoza, de Madrid ou Extremadura, polo que nos estranamos que se vaian a impartir a 200 desempregados de Nigrán tal como afirma o alcalde.
Ditos cursos teñen un proceso de selección dos participantes, no que as persoas desempregadas participantes, menores de 30 anos, deberán estar inscritas como demandantes de emprego nos Servizos Públicos de Emprego e serán propostas polos mesmos, previa solicitude das entidades beneficiarias. Só se ditos Servizos Públicos non propuxeran persoas para participar, a entidade beneficiaria poderá seleccionar outras persoas desempregadas, menores de 30 años, que será realizada pola entidade beneficiaria, atendendo ás prioridades do proxecto, aos itinerarios formativos, ás necesidades identificadas polos Servizos Públicos de Emprego respecto das persoas desempregadas e a criterios de igualdade e de obxectividade. Entre os criterios de selección non figura o pertencer a ningún municipio en particular, e menos Nigrán. Polo que dubidamos da veracidade da afirmación do alcalde de Nigrán, que asegura que as mozas e mozos desempregadas do municipio teñan prioridade no proceso de selección e participación nesta oferta formativa.
Lembramos que dende Esquerda Unida solicitamos que sexa o propio concello o que organice os cursos de formación para desempregados, realizando unha oferta formativa adecuada ás características dos desempregados do Concello e do Val Miñor, tal como solicitamos hai uns días. Non se pode facer un plan de emprego sen antes ter feito un estudio serio da natureza do paro en Nigrán e sen definir cales son os sectores produtivos que se queren reforzar. Como primeira medida para xerar emprego en Nigrán Esquerda Unida propón que ditos cursos sexan impartidos por desempregados para que non se perda diñeiro en empresas privadas. Esquerda Unida esixe que se faga público o convenio asinado entre o alcalde e a empresa formadora dos desempregados de Nigrán, xa que todos os datos nos levan a pensar que non é viable impartir estes cursos a 200 desempregados de Nigrán. Esquerda Unida recomenda aos desempregados que desexen facer estes cursos que se dirixan as oficinas do INEM xa que van a ter prioridade sobre os beneficiarios do convenio asinado polo alcalde, ademais que a dirección de correo electrónico facilitada polo concello para que se dirixan as persoas interesadas nestes cursos non existe, tal e como se queixaron moitos desempregados e verificamos nos mesmos.
A continuación pomos a disposición a documentación á que tivemos acceso sobre estes cursos (na cal non se fai mención a Nigrán… de aí que, repetimos, pedimos ao Alcalde que faga pública o convenio asinado coa empresa formadora).
Curso_Técnico_Internacionalización
Filed under: Noticias | Tagged: emprego | Leave a comment »